Saturday 04 de May de 2024

A Xunta destaca a visibilidade internacional de Galicia a través de competicións como Abanca Patin Classic


― A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou o esforzo da organización para garantir a seguridade sanitaria na celebración deste evento deportivo de primeiro nivel

A praia de Pantín acolleu esta tarde a presentación oficial da 34ª edición de Abanca Pantín Classic Galicia Pro 2021, unha das probas de surf máis importantes do calendario internacional que nesta edición, ademais, inxírese no marco da programación do Xacobeo 21-22.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, tomou parte nesta presentación na que destacou a relevancia deste certame que une deporte e Camiño, resaltando que se trata do único evento de Surf Profesional Internacional que se celebra en España e do terceiro mais antigo a nivel internacional. Un certame que, ademais, reunirá ao longo desta semana a máis de 150 surfistas internacionais na categoría masculina e feminina, convertendo a Valdoviño no epicentro do surf internacional.

Durante a súa intervención Nava Castro destacou que a Abanca Pantín Classic Galicia Pro 2021 é moito máis ca unha competición internacional. “Non é só deporte nin turismo activo. Trátase dun excelente escenario de promoción internacional para o noso territorio pero, sobre todo, é a demostración palpable de que se pode facer eventos deste nivel sanitariamente seguros”, asegurou. Castro aproveitou para convidar a seguir a competición, a coñecer máis de Galicia e tamén “a calzarse as botas e camiñar cara a Compostela porque, hoxe máis que ca nunca, Galicia é o mellor destino posible. E tamén, o máis seguro”.

Neste sentido, desde o Goberno galego a directora de Turismo de Galicia destacou a importancia de apostar por eventos deportivos de primeiro nivel coma este que permiten non só situar a Galicia como referente do turismo deportivo se non tamén avanzar no desenvolvemento dun modelo turístico sostible e de calidade.